miércoles, 16 de enero de 2013

Cores Tourís recibiu á Asociación polo Saneamento de Tomiño para analizar a situación do colector de Carregal-Torrón


O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, recibiu onte aos representantes da Asociación Polo Saneamento de Tomiño con quen analizou a situación de varias parroquias deste concello de Baixo Miño que se atopan sen este servizo pese a existencia dun compromiso municipal de 2010 para atallar estas deficiencias.  
No encontro, a asociación estivo acompañada da portavoz do PP no municipio do Baixo Miño, Paula Romeu. Tamén acudiu a mesma o xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez.
O colectivo deu traslado ao delegado territorial da súa preocupación polo retraso na execución do colector do tramo 3, entre Carregal-Torrón, no límite co concello de Tui. Esta obra permitiría dar servizo de saneamento as parroquias de Amorín, Currás, Piñeiro, Sobrada e Taborda. “A maiores, aínda que se executase esta obra”, aseguraron os membros desta asociación, “aínda quedarían outras duas zonas, as de Pinzás e Barrantes, sen saneamento, polo que habería que buscar tamén unha solución para estas dúas parroquias do municipio”.
Os afectados recordaron que esta infraestrutura, “vital para boa parte do municipio”, é competencia municipal. “Atópase reflexada dentro do Plan de Saneamento do Concello de Tomiño do ano 2010, e a comezos de 2013 segue sen ser unha realidade, polo que vimos aquí para solicitar o apoio e colaboración da administración autonómica”, explicaron os portavoces da asociación.
Ademais, tamén recordaron que nestes intres, os veciños destas parroquias teñen que facer fronte ao custo económico que supón o vaciado das fosas sépticas. “Supón un custo moi elevado para cada particular. Nós o que demandamos é que, xa que o concello non pon en marcha o proxecto de saneamento, a lo menos colabore na recollida dos residuos destas fosas sépticas”, explicaron.
Aseguran que non atopan apoio nin vontade por parte do grupo de Goberno local para conseguir unha solución a actual situación.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra recolleu as demandas do colectivo e trasladoulles que se estudarán as súas alternativas, pero recordou que se trata “dunha competencia municipal, polo que dende aquí facemos un chamamento aos responsables do concello para que tomen conciencia da situación destas parroquias e aporten solucións a estas demandas”.
José Manuel Cores Tourís recordou que a Xunta de Galicia fíxose xa cargo do custo do mantemento da EDAR de Goián. “É un forte investimento que libera a carga de gasto do concello que debería, en contrapartida, colaborar de xeito máis efectivo con estes veciños para buscar solucións e por en marcha os compromisos aos que chegou no seu día cos afectados”.
A maiores, o delegado territorial insistiu ante os representantes do colectivo de afectados no feito de que a administración autonómica “fixo os seus deberes” en relación a este municipio, e recordou que en 2011, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas fixo entrega ao Concello de Tomiño as obras da rede de colectores, que repercutiron nunha mellora no estado da bacía do río Cereixo.  O investimento destinado a este fin elevouse a 1,6 millóns de euros.
“Estas actuacións”, engadiu Cores Tourís, “son consecuencia da preocupación do Goberno galego, a través da Administración Hidráulica de Galicia, consciente dos problemas de saneamento e depuración detectados nas rías galegas, co fin de minimizar e controlar as verteduras ao dominio público”.
A actuación no entorno do río Cereixo centrouse na rede de colectores dos núcleos de Tebra, A Igrexa, A Bouzafría, O Carballal, O Porto, O Casal e Lubián. Esta rede verterá a un colector principal que discorre pola marxe dereita do río, levando as augas ao colector xeral de Tomiño. A rede de colectores estruturouse a través dun colector principal e un ramal que discorre pola berma da PO-334, cunha lonxitude de 3.840,21 metros e 111 pozos de rexistro que recollen as augas do resto dos ramais.
As citadas actuacións supuxeron un importante beneficio para os máis de 14.400 veciños do concello de Tomiño, xa que anteriormente o saneamento dos asentamentos de poboación da bacía do río Cereixo se realizaba a través de fosas sépticas individuais, sen que existira unha rede de recollida de augas residuais que permitirá a súa depuración