DOSIER

O Baixo Miño, no que se atopa o noso Concello, acolle un dos ecosistemas máis ricos e variados de Galicia, que ademais posúe algúns endemismos de flora e fauna que o converten nun espazo medioambiental único.
         Dende o ano 2004 está integrado dentro da rede de espazos naturais protexidos da Unión Europea, Rede Natura 2000, como Zona de Especial Conservación dos Valores Naturais. Ademais, o esteiro do Miño está baixo o amparo da catalogación de ZEPA, Zona Especial Protección para as Aves.
        Unha das características que marca este territorio é o discorrer do último treito do río Miño que, de forma queda, salva unha escasa pendente para desembocar no mar, formando un amplo e fermoso estuario, refuxio de numerosas especies de aves, e cunha rica biodiversidade característica destes espazos onde se mestura o mar e o río.
        Trátase dun espazo transfronteirizo, compartido con Portugal, no que se desenvolven accións coordinadas polo Grupo de Traballo Galicia – Norte de Portugal.
        A outra grande unidade paisaxística de relevancia son as elevacións naturais que circundan o Concello, as serras de Argallo e da Groba, así como a prolongación da serra do Galiñeiro.
Son enclaves de alto valor paisaxístico, tanto polos seus valores medioambientais como polos excelentes miradoiros que acollen, e dende os que se domina unha ampla panorámica de todo o territorio.



Descargar.